Pontevedra aspira a situarse no mapa europeo do cicloturismo

A Deputación de Pontevedra acaba de presentar a candidatura da provincia para entrar no EuroVelo, unha rede de 16 rutas de longa distancia que conectan todo o continente europeo con itinerarios ciclables tanto de uso turístico como para a vida cotiá avalados pola Federación Europea de Ciclismo.

O obxectivo da candidatura é que a provincia de Pontevedra forme parte das rutas do EuroVelo cunha extensión da Ruta 1 coñecida como ‘Atlantic Coast'. Creouse, así, un percorrido duns 303 quilómetros e beneficiando a 26 concellos –sobre todo costeiros-, entre Tui e Catoira: Tui, Tomiño, O Rosal, A Guarda, Oia, Baiona, Nigrán, Vigo, Redondela, Soutomaior, Pontevedra, Vilaboa, Moaña, Cangas, Bueu, Marín, Pontevedra, Poio, Sanxenxo, Meaño, Cambados, Ribadumia, O Grove, Illa, Vilanova de Arousa, Vilagarcía de Arousa e Catoira. Desta forma continúase a actual ruta EuroVelo de Portugal que a día de hoxe remata en Caminha, para enlazar coa Ruta 3 (R3), do Camiño de Santiago, na Costa da Morte.

Para impulsar a candidatura realizouse unha reunión cos concellos beneficiados e colectivos ciclistas da provincia de Pontevedra na que estiveron presentes o deputado de Mobilidade Uxío Benítez –impulsor da iniciativa-, a presidenta Carmela Silva, a responsable de Turismo da Xunta Nava Castro, así como responsables da Coordinadora Estatal EuroVelo, da Federación Portuguesa de Ciclismo, e tamén representantes de axencias de cicloturismo internacionais.

O deputado de mobilidade amosouse confiado en que a Federación Europea de Ciclismo (ECF) dará o seu visto bo á candidatura no próximo trimestre de 2020. Subliñou a importancia e repercusións que terán os roteiros de cicloturismo en canto a rendemento económico a medio e longo prazo para os territorios polo que pasan, lembrando que o cicloturismo move moitísimos visitantes cun perfil económico medio-alto: "É unha oportunidade para a provincia", insistiu, sinalando tamén que o fomento e utilización da bicicleta e a redución do uso do vehículo privado "é unha opción pola que agora estamos todos".

Unha vez a ECF aprobe a candidatura haberá que definir máis polo concreto tanto o itinerario como as melloras a realizar, posto que nalgúns casos xa están identificadas as problemáticas e as alternativas na traza preliminar. Posteriormente será precisa unha importante coordinación entre administración para determinar actuacións e melloras.

"A costa que n´ps temos debe ser a mellor de Europa e é incrible que aquí na provincia aínda non exista a ruta EuroVelo, no que é un dos puntos máis oeste de Europa e unha costa de referencia con características de sinuosidade espectaculares. Temos un valor enorme para que se acepte a candidatura", afirmou Benítez.

Na reunión, pola súa banda, a presidenta Carmela Silva amosouse ilusionada polo proxecto, xa que tal e como recalcou, "a sustentabilidade ten que estar no centro de todas as políticas e este proxecto cumpre á perfección cos nosos obxectivos neste eido, pois en cuestións de mobilidade temos claro que todas as decisións teñen que estar inxeridas no cambio de modelo cara unha transición ecolóxica".

Sobre EuroVelo Carmela Silva apuntou que "queremos formar parte desta rede europea porque nos vai dotar de máis visibilidade e porque sen dúbida vai perfectamente ligado ao turismo sostible que queremos para a nosa provincia". Amais, sinalou que "as bicicletas teñen que ter cada vez máis espazos, é unha demanda social que asumimos como propia porque realmente creemos nunha mobilidade na que as e os peóns e as bicicletas teñan un papel prioritario".

A directora de Turismo Nava Castro, sinalou, así mesmo, que a candidatura conxunta da Xunta coas deputacións de Pontevedra e A Coruña dará lugar a un "percorrido interesantísimo que é o que solicitan os amantes do cicloturismo". Instou a aproveitar a oportunidade que se lle presenta a Galiza e indicou que o EuroVelo é tamén unha vía pola que se poderá atraer a máis peregrinos, lembrando que a ECF ten calculado que cada ano se realizan 2.300 millóns de viaxes en bici cun impacto económico de 44.000 millóns de euros.