O Pazo de Quián converterase no espello do rural galego


Proximamente publicarase no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria do concurso de ideas para converter o Pazo de Quián, en Sergude (Boqueixón) no espello do rural galego. O obxectivo deste concurso é mobilizar a inventiva e a creatividade dos profesionais” para crear un centro de promoción e imaxe dos produtos agrícolas, gandeiros e forestais de Galicia, sempre baixo o paraugas de Galicia Calidade. 

Nesta primeira fase, o concurso contará cun orzamento de 1,2 millóns de euros, que inclúe os custos dos proxectos básico e de execución, así como da dirección de obra, pero -tal como sinalou o conselleiro- o conxunto da intervención no Pazo e a súa contorna suporá un investimento global de dez millóns de euros. 

O gañador do primeiro premio deste concurso (dotado con 40.000 euros) poderá ser tamén o adxudicatario do contrato de servizo de redacción do proxecto básico e de execución, así como da dirección da obra ulterior. O procedemento establece tamén outros catro premios, a maiores, dotados con entre 25.000 e 10.000 euros. 

Segundo o conselleiro de Medio Rural, José González, "neste centro vaise plasmar, a modo de “micro cosmos”, a aposta da Xunta por un rural multifuncional, promotor de riqueza, creador de valor engadido e sustentable. Isto significa -engadiu-, que esa creación de riqueza ten que ser respectuosa cos recursos naturais e paisaxísticos, vivos e dinámicos e orientados á produción agroalimentaria". 

Trátase de crear un espazo que propicie unha visión global do que é o medio rural galego desde o punto de vista agropecuario, forestal, hortofroitícola, etc. Por iso, o Pazo e a súa contorna (que conta cunha superficie de arredor de 100 hectáreas) converteranse nunha reprodución visitable da ordenación do territorio que se pretende para o rural galego cos tres usos: forestal, agrícola e gandeiro. 

A iniciativa abrangue, así mesmo, a reforma integral do Centro de Formación, fomentando o orgullo e a ilusión por emprender no rural galego e un gran espazo de exposición ao aire libre da realidade e do futuro do rural galego, aberto ao público en xeral. 

Todo o proxecto completarase cun mercado-exposición, onde os produtores poidan amosar e facer promoción de forma centralizada, nas súas diferentes fases de elaboración, a sede institucional da Galicia Calidade do rural galego e un lugar para a organización de mostras e eventos ligados á produción agroalimentaria de calidade, tales como as catas dos queixos e dos meles ou dos viños.