O Museo de Pontevedra constitúe o seu consello asesor

O Museo de Pontevedra acaba de fomrar un consello asesor con representantes de sectores diversos da sociedade, que se reunirán periódicamente para falar de como afrontar os proxectos, a xestión, e o funcionamento da institución museística e avanzar cara a unha maior proxección exterior.

En concreto, no consello estará a arqueóloga Beatriz Comendador, o empresario das industrias culturais Kin Martínez, a directora de Esdemga Lola Dopico, a artista Menchu Lamas, o crítico de arte Ramón Rozas, a arquitecta Teresa Táboas e o pedagogo e escritor Xaime Toxo son os integrantes do novo Consello Asesor do Museo de Pontevedra. 

Trala presentación do consello celebrouse unha primeira reunión informal e todos e todas se comprometeron a poñer sobre a mesa ideas e suxestións tanto sobre os novos edificios do Museo, a rehabilitación dos inmobles antigos, a xestión como a comunicación da institución provincial.

O vicepresidente da Deputación e responsable político do Museo, César Mosquera, lembrou que os vogais do Consello Asesor foron propostos polo director Xosé Manuel Rey co fin de poder desenvolver a memoria do Plan de Xestión que presentou para concorrer ao cargo. Segundo o nacionalista, o director demostrou ser "unha persoa lista e capaz" por ter escollido persoeiros de currículo e valía absolutamente contrastada.

Así mesmo, Mosquera subliñou que durante o proceso de formación do Consello Asesor demostrouse que o Museo de Pontevedra "ten un atractivo grandísimo", xa que as e os integrantes, a pesares de ter "unhas ocupacións elevadísimas", aceptaron "á primeira e entusiasmaos". Destacou que todas e todos os seleccionados fórono polo seu currículo e valía individual e non por seren representantes de institucións.

"Hoxe damos un paso máis moi importante nesta nova etapa do Museo que queremos. Ás e aos membros do Consello Asesor é de gradecer o compromiso, e o entusiasmo. Agardo que dentro dun ano, dous ou tres, esa vizosidade se manteña, xa que sería demostración de que as súas achegas están a ter resultados positivos e se sinten útiles", finalizou Mosquera.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, destacou o número de mulleres presentes no Consello Asesor, facendo posible que se combinen as "miradas feminina e masculina" e tamén a ampla representación territorial, pois os integrantes proceden de diversos puntos da provincia e ao mesmo tempo de fóra dela.

A presidenta pediu aos integrantes do novo órgano que "abran portas e ventas e que escoiten para o que Museo de Pontevedra sexa aínda máis grande do que xa é". Silva rematou a súa intervención aseverando que "non hai nada máis político que a cultura", "pero as e os políticos non estamos para influír, senón para que a cultura chegue a todolos espazos e ás administración públicas".