O belén de Begonte abre de novo as súas portas

Este xoves día 5 de decembro abrirá as súas portas o mítico Belén Electrónico de Begonte, fundado en 1972 por José Domínguez Guizán e José Rodríguez Varela, que cada ano atrae a este pequeno concello da Terra Chá a entre 30.000 e 40.000 visitantes.

Trátase dun Belén que ten vida propia, no que as figuras están animadas electronicamente e, conxuntamente, conforman unha escena de Belén tradicional propia de Galicia, onde os labradores cultivan a terra, os pastores atenden o gando, os carpinteiros carpintean e os pescadores pescan. Todo para mellor escenificar e representar, unha imaxe que ten tanto de inocencia como de técnica, de fe como de respecto á tradición.

Como principal novidade desta edición está a reforma das instalacións para mellorar a súa comodidade e accesibilidade, financiadas con 30.000 euros pola Consellería de Cultura e Turismo. Tamén se incorporaron algunhas figuras adicionais. 

Os interesados teñen tempo para visitalo. Permanecerá montado ata o vindeiro 25 de xaneiro, prorrogando o Nadal de Begonte durante case dous meses.