Mesa de Nadal, mesa invernal (III)

Xa comidos e bebidos, só nos falta a sobremesa, que ben sabemos que por estas datas adoita ser ben abundante. Non faremos unha relación exhaustiva dos doces que atiborran os nosos supermercados, ben coñecidos por todos. Simplemente unha recomendación, fuxir de industriais chegados de fóra e tirar como sempre “donoso”, unha das poucas marcas que fabrica turrón en Galicia. Comercialízase co nome de “Antoxo” con pasta de cacao, manteiga de cacao, leite en po, azucre, arroz inflado e pasta de abelá, elabórase exclusivamente para esta tempada e recóllese das tendas en abril para garantir que se atope sempre nas mellores condicións. 

Esta mesma marca tamén é boa opción para o café, aínda que neste campo ten máis competencia galega, como pode ser o caso da solvente Sabora. Ah! E non nos esquezamos dos chupitos, que estamos en Galicia. Sexamos de herbas ou de licor café, todos quedaremos co bo sabor de boca se rematamos coas augardentes, cremas e licores Devanceiros, que nos achega Nor-ibérica. 

Non son poucas recomendacións para a despensa destas calendas, queda nas súas mans a selección final, que poden completar a través de distribuidores de confianza como Monteverde ou de versátiles superficies como Cash Record, IFA ou Froiz. Ou mergullarse pola súa conta no sinfín de produtores artesanais que traballan en Galicia ofrecendo todo tipo de produto, que agora ademais contan co selo de garantía da artesanía alimentaria elaborado polo Agacal. 

Coman, beban, gocen das festas como mellor poidan. E non se preocupen da báscula ou dos excesos, que para iso está setembro. Nós, pola nosa banda, intentaremos traerlle un número algo máis saudable, con opcións turísticas para saír a camiñar e queimar os quilos de máis. Pero tampouco nos comprometemos, que tamén haberá que aproveitar o entroido… Saúde e feliz ano!