Mesa de Nadal, mesa invernal (II)


Seguimos coa nosa selección de produtos recomendados de cara ao Nadal. Quizais a alguén lle sorprendese que non aconsellásemos cortar algo de xamón cos entrantes, pero é que decidimos ir máis alá e atrevernos a recomendar un cocido como prato principal, ao fin e ao cabo estamos en tempo de matanza e o frío parece que o pide. Igual non para a noite de Nadal, que xa se sabe que as dixestións son perigosas. Pero se queremos comezar o novo ano con bo pé non pode rematar o mes de decembro sen catar este prato estrela da nosa gastronomía máis clásica.

Pero non nos enganemos, non todos os cocidos son iguais, e gran parte do éxito que colleitemos dependerá da materia prima que utilicemos. Así que teñan coidado e váianse a marcas de referencia como Acisal, con experiencia nas salgazóns cárnicas porcinas dende comezos dos 60 e un amplo catálogo que inclúe lacóns, xamóns, codillos… e lacóns xa cocidos moi cómodos para a hostalería.

Ou busquen a calidade diferencial dos produtos de porco celta distribuídos por Tres Fuciños, unha cooperativa con explotacións distribuídas por toda Galicia que está indo cada vez a máis, aumentando progresivamente as súas vendas e aproveitando o porco como poucos con produtos como a cachucha prensada ou os patés.

Ambas son boas alternativas para un cocido que completaremos con verdura confiable como poden ser os grelos de A Rosaleira e cun chorro xeneroso de Aceite Abril, marca ourensana preferida polos galegos que recentemente ten ampliado a súa gama de produtos con aceites monovarietais de arbequina. picual e hojiblanca.

Por suposto, para acompañar o cocido o corpo pídenos viño, concretamente tinto. Pero non se preocupen porque diso imos ben servidos, só teñen que botarlle unha ollada ás paxinas da edición 222 de HGg&T para atopar a macro-cata que celebramos en Oporto, con decenas de recomendacións autorizadas e avaladas por un xurado experto dos mellores caldos do momento. Unha solvente selección que complementamos con algún branco como Davide, Viña Roel ou Castellum Augusti, 
por iso da diversidade cromática e enolóxica nas nosas mesas, e un espumoso, o Feitizo de Noite, que non pode faltar nos nosos brindes de Nadal.

Pero por moitas referencias que teñamos, haberá que poñer algo aparte de viño. Por iso tamén plantexamos unha alternativa cervexeira, os artesáns de Meiga, unha das triunfadoras da última cata que organizamos dende HGg&T, que tamén acaba de gañar o premio á mellor cervexa no festival Pontebirra. Vese que algo están facendo ben estes emprendedores situados en Poio.

Xa comidos e bebidos, só resta a sobremesa, con recomendacións que publicaremos a vindeira semana na web.