Mesa de Nadal, mesa invernal (I)

Saberá de sobra quen nos siga con certa frecuencia que nesta publicación non somos sospeitosos de esquivar os praceres da boa mesa nin de buscar escusas para perdernos unha festa ou romería. Pero tamén se dará conta o lector atento de que no número 222 de HGg&T temos abandonado toda precaución para sucumbir por completo ás tentacións hedonistas, dedicando a meirande parte das nosas páxinas a celebrar e recordar celebracións pasadas como a nosa Gala ou a preparar as que están por vir. 

Pero é que estamos no tempo! Se hai unha época na que a gastronomía compartida cobra especial protagonismo é a do Nadal. Sexamos máis ou menos afeccionados á nobre arte da papatoria, ninguén se escapa de xuntarse unha vez máis coa familia e cos amigos para gozar ou soportar (segundo o caso) desas longas e opíparas comidas e ceas que enchen o bandullo e quentan o espírito. 

Aínda que moitos puideran pensar que a comida nestes casos é o de menos, nós consideramos que para certas reunións familiares e profesionais ás veces é mellor xogar sobre seguro e evitar sacar posibles temas de disputa. Que sempre haberá quen veña invitado e aínda así se atreva a criticar o tamaño das nécoras ou o punto do touciño. 

Por iso nos gusta dar opcións seguras para acertar nas nosas mesas, nos nosos negocios, ou se decidimos optar pola gastronomía para solucionar os nosos regalos de Reis. Valores seguros cos que non corramos o risco de equivocarnos, que resistan o máis duro escrutinio e que vaian máis alá das costumes fixadas a ferro pola vella prohibición eclesiástica que censuraba o consumo de carne nestas datas, que segue facendo que moitos fogares galegos sigan optando polo tradicional bacallau con coliflor, por un ollomol ó forno…. 

Ou por encher as mesas con marisco, capeando a inevitable subida de prezos que sempre acompaña a estas datas. Pero de marisco e pescado xa falamos longo e tendido en outubro coa cita meca que nos levou ata O Grove, e por iso de non repetirnos limitámonos a un par de opcións marítimas: a primeira, o valor seguro que representa Mariscos Laureano, comercializando dende Cambados o mellor produto da ría de Arousa. 

A segunda, o bonito de Burela que envasan de forma completamente artesanal dende Conservas Ares, unha empresa tradicional fundada por unha familia mariñeira que tamén elabora patés de bonito de Burela, de centola autóctona… Unha opción ideal para preparar uns canapés que abran boca ao comezo dunha cea ou comida. Iso si, hai que recordar que para facer un bo canapé a base é tan importante ou máis que a cobertura. Por iso nós sempre aconsellamos acudir ás mariñeiras de Daveiga, que non se abrandan co paso das horas e combinan perfectamente tanto con ingredientes doces como salgados. 

E con iso xa temos medio solucionado o tema dos entrantes. Para completalo, unha opción que nunca falla nunca falla é cortar algo de queixo. Como por exemplo os de Casa Zolle, queixos tenros e cremosos que veñen dende Friol nos que confiamos para a nosa Gala e que recentemente teñen sacado un queixo innovador con pimentón verde en colaboración con Pementos Carmucha. Outra alternativa segura é acudir a un San Simón da Costa, denominación na que recomendamos empresas con traxectoria e calidade máis que demostrada como son Daniberto e Casleiras. 

Todas as nosas recomendacións poden consultarse no número 222 de HGg&T. En próximos días tamén publicaremos na web o resto de opcións para os amantes da boa mesa de Nadal.