Recentemente coñecemos ValdaBella, unha empresa de apicultores artesáns na que levaban dez anos traballando. Pero que agora ten decidido darlle unha volta á presentación do seu produto, con caixas de regalo que inclúen velas de cera, un pergamiño explicando a súa historia... Un cambio de formato que os está axudando a posicionarse no mercado gourmet, do que nos da conta Sonia González.
Cando decidides cambiar a vosa forma de presentar o voso produto?
Levábamos
dedicándonos ao tema da apicultura sobre dez anos. Pero houbo unha
persoa á que lle regalamos un mel en panal e nos pediu se lle
podíamos facer un formato un pouco “chic” porque ten unha tenda
gourmet e fixémosllo. Así empezamos polo mel en panal e acabamos
tendo seis tipos de caixas diferentes, velas feitas con cera natural
de abella…
Ao final non é só ter unha calidade diferencial, hai que saber comunicalo...
O problema non é
ter un bo produto, que tamén, o problema é vestir ese produto. É
como unha modelo. Que teñas un corpo despampanante axuda, pero se
vas ben vestida aínda axuda máis. Con esto pasa igual. Se eu teño
unha boa mel e aínda por enriba a visto ben.
Vexo que tamén intentades vender un relato, contar a vosa forma de traballar...
Relatamos a
ubicación onde estamos, un lugar onde sempre existiron colmeas.
Tamén facemos fincapé en que nós non tratamos o mel como outros
apicultores. Nós non filtramos a mel, nós decantamos a mel como se
facía antes. Ti cando sacas a mel do panal vai cera, vai porquería,
van abellas mortas… E ti filtras. Pero se decantas o que fas é
metelo nuns bidóns de aceiro inoxidable e o deixas subir. Pasan dez
días e toda a porquería sube e retírala, pero o polen, a xelea real e todo iso segue na mel. Esa é a explicación que contamos no
pergamino que vén no estuche grande.