Entréganse os Ara Solis da primeira edición dos Premios Galicia de Turismo

O Teatro Rosalía de Castro da Coruña acolleu a primeira edición dos Premios Galicia de Turismo, do Clúster Turismo de Galicia e a Xunta de Galicia, nunha gala conducida polo actor e humorista Xavier Veiga onde se entregaron os Ara Solis, obra do artesán José María Mayer Segade e realizados coa colaboración de “Artesanía de Galicia”, 

Inés Rey, alcaldesa de A Coruña, entregou o Premio Escenario a Ribadavia, a localización más votada entre 24 lugares de toda Galicia na enquisa pública desenvolvida na web www.premiosgaliciadeturismo.gal. Recolleu o galardón o alcalde da vila ourensá, Cesar Manuel Fernández Gil. 

Cesáreo Pardal, presidente do Clúster Turismo de Galicia, fixo o recoñecemento honorífico como Pioneiros aos irmáns Paco e Moncho Vilas, de Casa Vilas, “polo seu papel no desenvolvemento dunha cociñan galega de calidade recoñecida internacionalmente”. 

Pola súa parte, a cantante Luz Casal recolleu a distinción como Embaixadora Nacional de mans da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, quen destacou “una carreira chea de éxitos no mundo da música” e “por ser un exemplo da coraxe a capacidade de superación que caracterizan ás mulleres de Galicia”. 

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, fixo a entrega do premio Embaixador Internacional a Hong-jo Chun, o embaixador da República de Corea en España, un país que nos últimos cinco anos trouxo á nosa rexión a máis de 23.000 peregrinos da Ruta Xacobea. 

O Premio Sostibilidade recaeu en Camiño dos Faros pola súa contribución ao desenvolvemento dun turismo sostible. Entregaron o galardón a presidenta da asociación, Cristina Alonso, Belén Montero, directora de Pazos e Congresos e Exposicións de Galicia, e Jesús Picallo, presidente de Solpor, Ssociación de Empresarios do Camiño de Santiago a Fisterra-Muxía. 

A directora xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, María del Carmen Martínez Ínsua, o director xeral do banco SabadellGallego, Pablo Junceda, e o tesoureiro do Clúster Turismo de Galicia, Alfonso Martínez, entregaron o premio Patrimonio ao proxecto de restauración do Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago de Compostela. Recolleron os correspondente Ara Solis a coordinadora do proxecto, Ana Laborde, o deán da catedral de Santiago de Compostela, Segundo Pérez, e a directora da Fundación Barrié, Carmen Arias. 

O presidente, Luis Fernández, e vicepresidente, César Parente, do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra recolleron de mans de Sara Santos, presidente da Asociación Hostelería Compostela, e de Héctor Cañete, vicepresidente do Clúster, o premio á candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial da Unesco en 2021 na categoría Promoción. 

O premio Evento, entregado por Lorena Varela, xerente da Ruta do Viño Rías Baixas, e Rodrigo Burgos, director de MEGA: Mundo Estrella Galicia, foi para o Resurrection Fest. Recolleron o galardón os responsables do festival, Iván e David Méndez. 

A directora de Expourense, Emma González, e o secretario do Clúster, César Sánchez-Ballesteros, entregaron á axencia especializada no Camiño de Santiago Pilgrim Travel o premio na categoría Vangarda. 

Os Premios Galicia de Turismo son o máximo recoñecemento que outorga a industria turística a persoas, institucións e entidades polo seu traballo a prol da consolidación de Galicia como destino turístico acolledor, contemporáneo, innovador, de calidade e respectuoso co medio ambiente natural. Nacen en 2019 con vocación de continuidade e para ser concedidos cunha periodicidade anual polo Clúster Turismo de Galicia e a Xunta de Galicia nun esquema de colaboración público – privado integrado na planificación estratéxica do desenvolvemento turístico da Comunidade. 

Esta primeira edición contou coa colaboración do banco Sabadell, Estrella Galicia e o Concello de A Coruña.