Convocatoria de bolsas de formación en oficinas de turismo no estranxeiro

O Diario Oficial de Galicia publicou a nova convocatoria de nove bolsas de formación práctica en oficinas de turismo no estranxeiro dirixidas a persoas tituladas nos últimos anos que acrediten o coñecemento da lingua oficial do país. 

As bolsas, dotadas cun orzamento global de máis de 220.000 euros por parte da Xunta, prevén unha estadía formativa de ata 10 meses en mercados emisores relevantes para Galicia. En concreto, os seleccionados realizarán prácticas en oficinas de turismo de Europa en lugares como Londres, París, Berlín, Bruxelas e, como novidade con respecto ao ano pasado, tamén Lisboa, Roma ou Dublín. Tamén é novo o destino seleccionado en América, xa que se oferta unha bolsa en Miami. No caso de Asia a bolsa volve ser para Cantón, China. 

O obxectivo é fomentar o perfeccionamento profesional dos bolseiros mediante a realización de prácticas suxeitas ao plan de formación que se lles entregará ao comezo do período. 

Amais de acreditar o coñecemento da lingua galega, deberán certificar a lingua oficial do país en Londres, Dublín, París, Berlín, Miami, Roma e Lisboa. No caso de Bruxelas, francés ou inglés, mentres que para a bolsa de Cantón deberase acreditar o manexo de chinés ou inglés. Os aspirantes serán avaliados polo seu curriculum e os resultados da realización dun test de coñecementos turísticos, un caso práctico, proba de idiomas e entrevista persoal. 

Formación e internacionalización 
Coa convocatoria destas bolsas, a Xunta de Galicia afonda no obxectivo da internacionalización do destino e tamén na formación dos profesionais do sector para garantir unha excelencia na atención. De feito, no que levamos de ano o turismo internacional está a rexistrar moi bos resultados. Con máis de dous millóns de noites hoteleiras, acadou nos 11 primeiros meses un máximo histórico de demanda.