
O gañador do primeiro premio deste concurso (dotado con 40.000 euros) poderá ser tamén o adxudicatario do contrato de servizo de redacción do proxecto básico e de execución, así como da dirección da obra ulterior. O procedemento establece tamén outros catro premios, a maiores, dotados con entre 25.000 e 10.000 euros.Nesta primeira fase, o concurso contará cun orzamento de 1,2 millóns de euros, que inclúe os custos dos proxectos básico e de execución, así como da dirección de obra, pero o conxunto da intervención no pazo e a súa contorna suporá un investimento global de dez millóns de euros.
Trátase de crear un espazo que propicie unha visión global do que é o medio rural galego desde o punto de vista agropecuario, forestal, hortofroitícola, etc. Por iso, o pazo e a súa contorna (que conta cunha superficie de arredor de 100 hectáreas) converteranse nunha reprodución visitable da ordenación do territorio que se pretende para o rural galego cos tres usos: forestal, agrícola e gandeiro.
A data límite de presentación de proxectos será de tres meses desde a publicación do anuncio de licitación no Diario Oficial da Unión Europea (DOUE), que se fará proximamente. A documentación deberá presentarse directamente na sede da Agacal, en Santiago de Compostela, a onde os interesados deberán dirixirse tamén para obter máis información.