Convocadas as axudas para a promoción de viños galegos fora da UE

O Diario Oficial de Galicia (DOG) ven de publicar unha Orde da Consellería de Medio Rural pola que se convocan axudas por importe de 2,1 millóns de euros para apoiar nos próximos dous anos a promoción do viño galego en mercados de terceiros países, fóra da Unión Europea. 

Poderán acollerse a estas subvencións as empresas vinícolas, as organizacións de produtores e as súas asociacións, así como os órganos de xestión e de representación das denominacións de orixe protexidas e das indicacións xeográficas protexidas de viño e as cooperativas que comercializan viños elaborados por elas ou polos seus asociados. 

Tamén se poderán beneficiar destas achegas as entidades asociativas sen ánimo de lucro participadas exclusivamente por empresas do sector vitivinícola, que teñan entre os seus fins a promoción exterior dos viños, as organizacións profesionais e interprofesionais do sector e as asociacións temporais ou permanentes de produtores que teñan entre os seus fins o desenvolvemento de iniciativas en materia de promoción e comercialización do viño. 

Ao abeiro destas axudas, as accións e actividades de promoción que se poden desenvolver son todas aquelas nas que se dean a coñecer as características dos viños con denominación de orixe ou indicación xeográfica protexida, así como os viños varietais. Entre as accións promocionais destacan campañas publicitarias, misións comerciais, promocións en puntos de venda, catas, feiras, presentacións de produto, xornadas, seminarios, degustacións, etc. 

O prazo de presentación de solicitudes para acollerse a estas axudas remata o vindeiro día 14 de xaneiro de 2020. As achegas para estas subvencións que xestiona a Xunta están financiadas ao 100% polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga).