Continúa aberto o prazo para solicitar subvencións de mellora de establecementos

Na inauguración da xornada A venda cruzada nun destino turístico. Aplicación real na senda das estrelas, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro salientou os 7 millóns de euros que a Xunta de Galicia destina a través de varias liñas de axudas -que teñen o prazo de solicitude aberto- para impulsar o sector turístico galego dun xeito transversal. 

Na súa intervención, Nava Castro recordou a importancia que está a ter o emprendemento no eido turístico con casos como a Senda das Estrelas, unha iniciativa que propón unha ruta turística con saída e chegada a Santiago de Compostela, pasando por lugares como Fisterra, as terras do Pindo ou a Ría Muros-Noia. Impulsa o coñecemento e desenvolvemento económico da nosa contorna rural galega buscando a autenticidade e que no seu momento contou co impulso económico da Xunta para a súa posta en marcha. 

“Aglutina moito do que Galicia é e quere seguir sendo no eido turístico e, sobre todo, é tamén unha perfecta mostra dos froitos que está a dar a colaboración entre a Administración e o sector privado na que baseamos o modelo turístico galego”, indicou Nava Castro. 

Neste sentido, manifestou a importancia da colaboración da Xunta co empresariado turístico galego e tamén coa administración local que se materializa, por exemplo, nas diferentes liñas de axuda que a Consellería de Cultura e Turismo convoca anualmente. Así, recordou que nestes momentos son varias as liñas abertas, como a referida á mellora das instalacións de establecementos de aloxamento e de restauración ou as axudas para mellorar infraestruturas turísticas do rural 

Tamén se referiu á nova convocatoria para concellos e particulares para proxectos de embelecemento e posta en valor do patrimonio e a paisaxe no Camiño de Santiago. Ademais recordou que está aberto o prazo para participar na segunda convocatoria de O teu Xacobeo, da que este ano se beneficiaron máis de 300 proxectos repartidos por toda a nosa Comunidade.