Carballo opta ao premio Folla Verde Europea

Carballo  competirá polo premio Folla Verde Europea (European Green Leaf 2021), promovido pola Comisión Europea para distinguir ás cidades de 20.000 a 100.000 habitantes que demostren as mellores prácticas ambientais, un maior compromiso co crecemento verde e unha maior promoción da concienciación cidadá en temas medioambientais. 

A vila coruñesa é a única galega entre as 18 candidatas, sendo ademais unha das dúas únicas representantes españolas xunto á valenciana Ribarroja de Turia. Competirá con cidades como Avignon (Francia), Bistriţa (Romanía), Çiftlikköy (Turquía), Coswig (Alemaña), Elsinore (Dinamarca), Gabrovo (Bulgaria), Kemi (Finlandia), Lappeenranta (Finlandia), Nyborg (Dinamarca), Oliveira do Hospital (Portugal), Ringkøbing-Skjern (Dinamarca), Sombor (Serbia), Tauragė (Lituania), Valmiera (Letonia), Viana do Castelo (Portugal) e Vichy (Francia).

As actuacións de fomento da mobilidade urbana sostible, a eficiencia enerxética no alumeado público e nas instalacións municipais, o respecto polas zonas verdes, actividades como o Horto Infantil Ecolóxico, as iniciativas de compostaxe, as ordenanzas de tráfico ou de contaminación acústica, as actuacións relacionadas co ciclo integral da auga ou a contratación de centros especiais de emprego para tarefas coma a limpeza viaria ou o mantemento de xardíns figuran no haber do Concello de Carballo. 

No mes de abril do 2020 faranse públicas as cidades finalistas, en maio realizaranse as presentacións con xurado e en xuño, nunha cerimonia que se celebrará en Lisboa, coñeceremos a cidade gañadora.