Balnearios de Galicia estrea nova web

A Asociación de Balnearios de Galicia estrea unha nova páxina web (www.balneariosdegalicia.gal). Proporciona máis recursos de interese para os usuarios e máis información relativa ás indicacións terapéuticas das augas mineromedicinais da comunidade e ás posibilidades que oferta cada balneario, tanto dende o punto de vista do lecer como do sanitario. 

De cada balneario indícanse os tipos de augas que ofrece, as súas indicacións terapéuticas, os programas e servizos hoteleiros que proporciona; pero tamén a historia de cada establecemento e as experiencias turísticas e de lecer que achega o seu contorno máis próximo. E todo isto ilustrado con magníficas fotografías dos 18 balnearios que integran a Asociación. 

Na sección de noticias dáse conta de toda a actualidade do sector termal galego, así como das diferentes iniciativas que ten en marcha. Outro dos espazos relevantes da páxina é o destinado á Cátedra de Hidroloxía Médica da USC-Balnearios de Galicia, que comezou a impartirse na facultade de Medicina da Universidade de Santiago de no ano 2006 e forma cada curso a máis dun centenar de alumnos nas posibilidades terapéuticas das augas minerodicinais da comunidade. 

En relación ao novo soporte da entidade, o xerente de Balnearios, Benigno Amor, explica se trata de “unha web moderna, cun estilo actual”. Salienta que “busca, por un lado, a promoción dos balnearios asociados e, polo outro, chegar o contido aos usuarios dun xeito ameno, intuitivo e sinxelo”. 

A nova web está en catro idiomas: galego, castelán, inglés e francés. E está totalmente adaptada aos diferentes dispositivos actuais (móvil, tablet, portátil...), o que lle permite aos usuarios realizar consultas e buscar información en calquera situación e desde calquera lugar, adaptándose así aos novos hábitos dos consumidores. “É unha aposta polo 3.0 nun momento de revolución tecnolóxica” -declara o xerente-.