As pernoctacións en Vigo aumentaron máis dun 11% durante 2019

Os establecementos hoteleiros de Vigo están a piques de pechar un gran ano, no que aumentaron nun 11,47% o número de pernoctacións con respecto a 2018. 

Así o anunciou o alcalde da cidade, Abel Caballero, que asegura que esta subida se produce respecto a un 2018 que xa foi "excepcional" e destaca datos como que no pasado mes de novembro a cidade achegara o 41% dos visitantes da provincia de Pontevedra.

No mes de novembro Vigo albergou 65.668 pernoctas, unha cifra que se eleva ás 859.590 no acumulado do ano e que supón unha suba dun 11,47% respecto a 2018, un ano no que xa houbo rexistros "espectaculares". Son niveis de ocupación "récord" desde que hai datos do INE, segundo aseverou o alcalde.

O rexedor trasladou estes datos a un nutrido grupo de hostaleiros e comerciantes da cidade cos que mantivo un encontro no MARCO para felicitalos pola súa labor durante estas datas.