Arousa Norte engánchase ao Camiño

Na Asociación de Amigos do Camiño do Barbanza levan dous anos traballando na recuperación dun itinerario Xacobeo dende Corrubedo ata Iria Flavia, seguindo por terra o traxecto orixinal do corpo do apóstolo pola ría de Arousa e polo río Ulla, que identifican coa orixe do fenómeno xacobeo.

Un traballo que os ten levado dende a Orixe ata o final dos Camiños: este xoves o Camiño de Santiago do Barbanza presentou o seu itinerario no Hostal dos Reis Católicos, en plena praza do Obradoiro, nun multitudinario acto organizado en colaboracion coa Mancomunidade de municipios de Arousa Norte. 

Alí deuse a coñecer un itinerario xa trazado, que pasa polos concellos de Riveira, A Pobra do Caramiñal, Rianxo, Boiro, Dodro e finalmente Padrón como destino. Unha ruta que nace co obxectivo de atraer peregrinos e que segundo explicou o historiador da asociación Antonio González Millán xa conta con máis de 200 elementos patrimoniais xacobeos catalogados: igrexas adicadas a Santiago, hospitaliños de peregrinos, referencias manuscritas… 

Ademais, segundo explicou o presidente da Asociación, José Manuel Mariño Nin, a ruta que promoven ten un plus: “que xeográficamente estamos na orixe do camiño, que un peregrino pode pechar os ollos e pensar que está no único camiño que percorreu o corpo sen vida do propio apóstolo”. 

Dende a asociación saben que non será fácil consolidar este novo itinerario, saben que necesitan o apoio de todas as administracións. Pero semella que estas ten respondido. O acto de onte foi organizado en colaboración coa mancomunidade de Arousa Norte e contou coa presenza dos alcaldes de todos os concellos polos que pasa o itinerario.