A peregrina gastrónoma. Unha guía do Camiño Inglés

Hai máis de 1000 anos que peregrinos de todo o mundo atravesan as diferentes rutas para chegaren a Compostela. Algunhas comezan o Camiño atraídos pola natureza, pola arte, pola arquitectura, pola gastronomía... a outras móveas as espiritualidade. Sexa como for, todas camiñan “coa súa vida na mochila” durante duras xornadas, vaia frío ou calor, nas que mesturan esforzo e emoción.

Tara, a peregrina protagonista desta guía para as viaxeiras curiosas, elixe o Camiño Inglés e percorre na súa viaxe desde A Coruña ‒un dos puntos de inicio xunto a Ferrol‒ a Santiago pasando por Elviña, O Burgo, Alvedro, Cambre, Carral, Aquelabanda, As Travesas, Bruma, Outeiro, A Calle... para coñecer o Castelo de Santo Antón, a Torre de Hércules, o Golfo Ártabro, o encoro de Cecebre, o monumento aos mártires, o Pazo das Candeas, As Encrobas, pazos, cruceiros, hórreos, antigos hospitais, igrexas, pontes, cemiterios ou saborear a cervexa galega, roxóns, filloas, lacoada e torta de Santiago para converter o lector nun auténtico peregrino gastronómico no seu percorrido ata a Catedral.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a comisaria do Xacobeo 21, Cecilia Pereira, participaron na presentación da nova obra de María Canosa A peregrina gastrónoma. Unha guía do Camiño Inglés, que dá ao prelo, en galego e en castelán, Somos Libros co apoio da Xunta de Galicia. 

Valentín García destacou “a orixinalidade dunha guía que a través das súas historias e narracións atraerá, de seguro, a Galicia moitas peregrinas gastronómicas que se sumarán tamén á dinamización da lingua galega e ao intercambio cultural que favorece o diálogo do noso idioma propio con outros moitos no contexto do Camiño”. 

Pola súa banda, a comisaria do Xacobeo 21, Cecilia Pereira, sinalou que “polo Camiño Inglés chegaron en 2018 a Galicia un total de 14.150 peregrinos e peregrinas, unha cifra que xa bateu marca superando todas as de anos anteriores e que se incrementará aínda máis este ano, no que as cifras do peche de outubro alcanzan xa os 15.610 peregrinos e peregrinas”. A comisaria do Xacobeo 21 deulles os parabéns á autora e ás editoras “por un libro de viaxes moi ben narrado e ilustrado que ademais evoca perfectamente os lugares da que foi a ruta a Santiago máis transitada durante a Idade Media”. Participaron canda eles e canda a autora na presentación as editoras Lola García e Irene Bigas.