Máis de 1 millón de euros para promocionar os xeodestinos

A nova orde de subvencións de máis de 1 millón de euros coa que o Goberno autonómico impulsará a actividade turística de xeito distribuído por todo o territorio galego coa intención de repartir os beneficios que o turismo supón na antesala do Xacobeo 2021, ven de ser publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) 

Múdase así a forma de colaboración cos xeodestinos, que ata o de agora se formalizaba a través de convenios, e lánzase agora esta orde de axudas que estará dirixida a mancomunidades, consorcios locais con competencias en materia de turismo, agrupacións de concellos, Grupos de Desenvolvemento Rural (GdR) ou asociacións legalmente constituídas que teñan contratado persoal técnico en turismo dedicado ao seguimento e coordinación das actuacións obxecto desta orde. 

Os beneficiarios poderán acadar axudas máximas nas diferentes categorías de entre 30.000 e 150.000 euros para a dinamización turística dos seus territorios a través de actuacións que afonden na planificación, creación e consolidación de produtos turísticos no xeodestino; a comercialización, promoción e difusión do produto turístico, formación dirixida ao sector turístico ou novas tecnoloxías aplicadas ao turismo. As accións deberán desenvolverse entre o 1 de xaneiro e o 30 de novembro de 2020. 

Impulso ao rural galego 
A convocatoria realizarase en réxime de concorrencia competitiva. A Xunta poderá sufragar entre o 50% e o 90% do investimento subvencionable en base a uns criterios establecidos nas bases nos que, entre outros aspectos, se valorará que os produtos que presenten incidan na desestacionalización, que leven a cabo unha oferta accesible, destinada a familias ou público senior ou que afonden na innovación. 

Esta nova convocatoria de axudas dá continuidade ao apoio económico outorgado pola Xunta aos xeodestinos desde a súa creación en 2011. O Goberno autonómico avanza así no seu obxectivo de conseguir a diversificación da oferta e que a actividade turística sexa quen de dinamizar as economías locais, contribúa a poñer en valor os recursos naturais, culturais e etnográficos e se posicione como un instrumento eficaz de reequilibrio territorial, nomeadamente no rural galego.