A feira de oleiría Alfaroleiros blíndase co apoio económico da Deputación da Coruña

A Deputación da Coruña acaba de renovar o seu apoio para a feira de oleiría tradicional Alfaroleiros, que cada mes de agosto se celebra en Santa Cruz (Oleiros), un evento que dede 1995 reúne no parque Luis Seoane  a artesáns chegados de diferentes puntos da xeografía española, selccionados pola calidade das súas obras, que durante cinco días amosan ao público os seus traballos. 

Ao remate da feira, cada un dos artesáns cede unha peza ao Museo Alfar de Oleiros, que nestes anos incrementou os seus fondos en 565 obras de todos os lugares de España, completando así unha das mellores coleccións de olería tradicional do país.

Ademáis de dar a coñecer a produción dos mellores oleiros do país, a feira ofrece a posibilidade de ver artesanía en vivo, programando diversas exhibicións e complétase cunha ampla axenda cultural que inclúe concertos, teatro, xogos tradicionais, que atraen cada ano a miles de persoas.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, asinaron o convenio que articula a colaboración económica da institución provincial coa feira, que se traducirá nun apoio de 30.000 euros, un 80% do orzamento total do evento que ascende a 37.500 euros e que, ademáis da propia feira conta con actividades culturais paralelas coma concertos ous proxeccións cinematográficas.