A Deputación de Pontevedra invita a saborear as Rías Baixas polo Nadal

A Deputación de Pontevedra acaba de lanzar a campaña "Este Nadal saborea Rías Baixas", coa que pretende apoiar aos produtores da provincia animando á cidadanía a consumir, disfrutar e regalar produtos e experiencias gastronómicas na provincia. 

Unha última parada dentro da macrocampaña "Fame de Experiencias" que vertebrou a promoción turística da Deputación durante todo o ano, que se desenvolverá a través de cinco eixos temáticos principais: "Enoturismo", "Restaurantes con Estrela", "De mercado en mercado", "Mariscadora por unhas hora" e "Escancia a mellor sidra".

Segundo explicou a presidenta do organismo provincial, Carmela Silva, co primeiro dos eixos ofértanse visitas a adegas nas que se ofrecen catas de viños da DO Rías Baixas, así como visitas a pazos, viñedos, xardíns, estancias nas propias adegas e bonos e packs de Nadal "para introducir ás persoas na cultura vitivinícola".

No caso de "Restaurantes con estrela "poñemos en valor os restaurantes con estrela Michelín da nosa provincia, onde contamos con cinco estrelas e outros cinco restaurantes que combinan a cociña tradicional coa máis vangardista, proporcionando deste xeito unha experiencia gastronómica única".

A través de "De mercado en mercado" a Deputación pretende dar a coñecer "a orixe dos nosos produtos, toda a despensa das Rías Baixas, que é moi ampla e de grande calidade, a través das visitas aos nosos mercados e prazas de abastos", subliñou Carmela Silva. Tamén haberá oportunidade de coñecer os produtos da provincia con "Mariscadora por unhas horas". Neste caso, trátase doutra oferta experiencial na que se informa das propostas de Guimatur, Amarturmar e Amarcarril para realizar actividades de marisqueo, extraendo, tocando e degustando produtos do mar da man de mariscadoras.

A campaña "Este Nadal saborea Rías Baixas" tamén oferta o paquete "Escancia a mellor sidra" que permitirá ás persoas interesadas visitar a Ruta da Sidra da Estrada, visitando os lagares e as plantacións de mazá e degustando sidra local elaborada de forma ecolóxica.