700.000 persoas achegáronse a Vigo pola ponte da Constitución

As previsións do concello e da hostalería cumplíronse, as luces da cidade de Nadal de Vigo atraeron a centos de miles de persoas durante a ponte da Constitución, colapsando o centro da cidade de visitantes. 

Abel Caballero ofreceu este luns os datos de afluencia, asegurando que na contorna da árbore da Porta do Sol se contabilizara unha media de 250.000 persoas por día, un total de 700.000 visitantes ao longo dos 3 días da ponte. 

"Foi o nunca visto, batemos todos os rexistros e previsións de asistencia e ocupación, pero vai a ser aínda maior na ponte de Aninovo", avanzou o rexedor. Caballero explicou que a ocupación hoteleira foi do 100% e que os aparcamentos estiveron "ateigados", rexistrándose colas de entrada nos accesos á cidade e tamén cheo total en restaurantes e cafeterías.

"Houbo restaurantes que esgotaron existencias, quedaron sen pan e seguiron servindo ceas", apuntou Caballero a modo anecdótico. Os datos tamén apuntan a que o Belén da Casa das Artes acudiron desde o pasado día 25 de novembro un total de 30.364 persoas, cando o ano pasado, no mesmo período foran 9.000 as visitas á instalación de Nadal.

O alcalde destacou que a masiva afluencia provocou que a ocupación hoteleira fose do 100% e que tamén houbo influencia na área metropolitana, desde o Val Miñor e Redondela ata O Porriño, así como en Sanxenxo e incluso Santiago e Ourense.