A Asociación de Balnearios de
Galicia vai celebrar a vindeira semana a xornada “Termalismo sostible para o
século XXI”. Terá lugar o mércores 27 de novembro na Escola de Enxeñaría de
Minas e Enerxía da Universidade de Vigo. Reunirá a profesionais vencellados ao
sector dende diferentes ámbitos (Administración, Universidade,
empresas) e a estudantes universitarios interesados na compoñente mineira das augas como
opción de traballo futuro.
Tal como explica a presidenta da
Asociación de Balnearios de Galicia, Marisol
Espiño, “o obxecto desta iniciativa é amosar como os balnearios da
comunidade están comprometidos co desenvolvemento sostible, por canto melloran
a calidade de vida dos seus usuarios, non comprometen o futuro do recurso e
dinamizan social e economicamente as comarcas nas que se sitúan”.
Destaca así mesmo que “se na
actualidade o termalismo galego pode presumir de liderar o sector dos
balnearios en España, gran parte dese mérito corresponde ao importante papel
que tivo a promulgación da Lei 5/1995, de 7 de xuño, de regulación das augas
minerais, termais, de manancial e dos establecementos balnearios da Comunidade
Autónoma de Galicia e toda a normativa que a desenvolve. A normativa sectorial propiciou que Galicia
entrara nun proceso de renovación e ampliación das súas instalacións termais e
que puideran artellarse novas liñas de negocio, coa introdución das novas
tecnoloxías e de técnicas termais actualizadas, co fin de satisfacer unha
demanda cada vez máis esixente e complexa”.
A
presidenta salienta que “o motivo de celebrar a xornada na Escola de Minas é o
de achegar aos universitarios as oportunidades e retos dun sector onde poden
atopar oportunidades laborais, dada a condición de recurso mineiro das augas
minerais”.