Xornada sobre termalismo sostible


A Asociación de Balnearios de Galicia vai celebrar mañá mércores a xornada “Termalismo sostible para o século XXI”, na Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía da Universidade de Vigo. Reunirá a profesionais vencellados ao sector dende diferentes ámbitos (Administración, Universidade, empresas) e a estudantes universitarios interesados na compoñente mineira das augas como opción de futuro. 

Na inauguración da xornada van participar o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde; a presidenta da Asociación de Balnearios de Galicia, Marisol Espiño; o presidente da Cámara Oficial Mineira de Galicia, Juan de Dios; xunto á directora da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía da Universidade de Vigo, Elena Alonso. 

De seguido terá lugar unha mesa redonda na que se debaterá sobre a importancia de protexer a auga como recurso mineiro co fin de poder garantir o seu futuro. Intervirán a científica titular do IGME (Instituto Geológico y Minero de España) Mª del Mar Corral; o decano-delegado do Colegio Oficial de Ingenieros de Minas del Noroeste, Juan José Iglesias; a secretaria xeral da Asociación Nacional de Empresas de Aguas de Bebida Envasadas -ANEABE-, Irene Zafra; o director-xerente de Caldaria Hoteles y Balnearios, Javier Soto; ademais do director da Cámara Oficial Mineira de Galicia, Diego López. 

Por outro lado, no transcurso deste acto vaise presentar a nova páxina web da Asociación de Balnearios de Galicia. E o director xeral de Enerxía e Minas da Consellería de Economía, Emprego e Industria, Ángel Bernardo Tahoces, será o encargado de pechar a sesión.