Verín e a UVigo atopan o castelo medieval de Cabreira

O Concello de Verín e a Universidade de Vigo acaban de presentar o achado do castelo medieval de Cabreira, unha edificación situada na zona do Pozo do Demo e relacionada coa rede de fortalezas do entorno do século X que, xunto co Castelo de Lobarzán, configuraron a rede de poboamento e urbanismo primixenio do Val de Monterrei.

Anteriormente, algúns investigadores nomearan o castelo de Cabreira apuntando, pola toponimia, a súa localización física na parroquia de Cabreiroá, sen lugar concreto, mentres que outros o identificaran directamente coa acrópole de Monterrei.

O grande movemento asociativo e cultural da comarca nos últimos anos e a curiosidade de coñecemento da mesma, incitou a varias persoas da mesma á busca dos restos do descoñecido castelo da Cabreira. Así foi como os veciños da comarca, membros de varios colectivos culturais, Andrés Diz Domínguez (estudante de Historia da UVIGO) e Nieves Amado Rolán (arqueóloga) se implicaron activamente na busca do castelo, e despois de moitas visitas a lugares diferentes, durante varios anos, concluíron que as evidencias materiais do castro das Quintas coincidían coas de unha fortificación medieval que non podía ser outra máis que o Castelo de Cabreira. Xa neste ano de 2019, durante as prospeccións levadas a cabo no proxecto do Castelo de Lobarzán, o arqueólogo Víctor Rodríguez Muñiz, acompañado polos mesmos, tamén confirmou a localización do Castelo de Cabreira no Pozo do Demo.

Ademais, dous datos documentais máis axudan a confirmar a súa localización. No dicionario Madoz dise, falando do regato das Quintas: “del mencionado Monte Mayor se desprende un arroyo, que si bien es escaso de aguas en el estío, forma una vistosa catarata en tiempo de lluvias, cerca del paraje titulado Cabreira”. Tamén o topónimo Cabreira aparece no monte comunal de Cabreiroá, que se chama: Monte comunal de Monte Maior e Cabreira.

O alcalde da vila, Gerardo Seoane, xa anunciou que realizarán o vindeiro ano unha intervención arqueolóxica, en colaboración coa Universidade de Vigo, baixo o amparo do actual convenio marco entre as dúas institucións, co obxectivo de investigar e coñecer mellor as evidencias arqueolóxicas, e valorizar o conxunto.

As evidencias materiais do castelo son escasas, pero o seu emprazamento é impoñente na paisaxe de rochedos descarnados de granito. Tería defensas naturais polos catro puntos cardinais, sendo máis feble polo sur, mentres que polo norte e leste o formidable e profundo canón do regato das Quintas resulta inexpugnable, así como polo oeste, coa vertente de altísimos escarpas, controlando a vista de todo o val de Monterrei case ata o Val de Laza. Controlaría o territorio ao norte, leste e oeste, mentres que ao sur estaría tapado e resgardado polo Monte Maior. Neste senso pode dicirse que “está onde tiña que estar”, xa que as terras ao sur do castelo de Cabreira estaban inseridas na terra da Lobarzana, e por tanto capitaneadas polo veciño Castelo de Lobarzán.