
Esta actividade terá lugar no Museo Claustro Mercedario de Verín e contará cun total de 25 prazas en xornada de tarde. Así, ademais de coñecer en profundidade as características organolépticas dos viños amparados por esta denominación de orixe, haberá unha explicación práctica dos principais atributos do viño branco e outra do viño tinto da DO Monterrei. A finalidade é coñecer a estrutura química, a percepción e potenciación, así como novas formas de detección deste viños de calidade.
Esta xornada trata de formar e adestrar aos compoñentes dos paneis de cata oficiais das distintas denominacións de orixe, para garantir así o recoñecemento da calidade organoléptica dos produtos de calidade avalados polos distintos selos. Por iso o taller vai dirixido principalmente a viticultores, bodegueiros, enólogos, persoal técnico das adegas e dos consellos reguladores; así como persoal investigador interesado no tema.
O prazo de inscrición para anotarse a este taller práctico remata o vindeiro 25 de novembro. Os interesados poderán consultar o programa a través da páxina oficial da Evega, onde tamén terán á súa disposición a folla de inscrición: https://evega.xunta.gal/gl/actualidade/taller-practico-aromas-de-monterrei-novos-procesos-de-reconecemento-dos-atributos-nos