
O evento, denominado Visibilidade, conxugará o viño do Ribeiro con música e os proxectos de catro adegueiras. Xulia Bande (Son de Arrieiro), Iria Otero (Vinos con Memoria), Eva Bermúdez (Adegas do Rexurdir) e Duvi González (Adega Dona Elisa) comentarán os seus proxectos e vivencias persoais en canto ás adegas, e farán unha cata comentada con degustación dos seus viños. Ademais todo isto harmonizarase cun magosto moi especial coa colaboración da Indicación Xeográfica Protexida Castaña de Galicia, así coma a música blues de BluBeats Dúo.
A entrada será de balde ata completar aforo, pero os asistentes terán a oportunidade de deixar un donativo que se destinará integramente a Asociación Mirabal, que desenvolve actuacións contra a violencia de xénero e a favor das vítimas e os seus familiares. As actividades que comprende o seu programa pasan polo acompañamento das vítimas, a realización de accións de concienciación social e a procura da erradicación desta lacra a través de actuacións de prevención.