Coñece nas prazas de abastos a “Arousa Norte Gastronómica”

A gastronomía do Barbanza é un valor de primeiro orde no marco da estratexia de promoción turística de Arousa Norte. Non é para menos: contan cun dos portos de baixura máis importantes de Europa, coa produción principal de mexillón de Galicia, con conserveiras icónicas no territorio español e europeo, cos excelentes viños amparados pola Indicación Xeográfica Protexida “Viños da Terra do Barbanza e Iria”... 

Unha gran riqueza gastronómica que a Mancomunidade de Municipios Arousa Norte promocionará en Santiago de Compostela e Pontevedra coa primeira edición da “Arousa Norte Gastronómica”, que arrancará este venres 29 de novembro ás 19:00 no Mercado de Abastos de Santiago de Compostela cunha presentación amenizada pola pianista rianxeira Aida Saco. 

Unha posta de largo que virá seguida de varias actividades repartidas entre Santiago e Pontevedra. Así, o cociñeiro con estrela Michelin Yayo Daporta ofrecerá o día 10 de decembro ás 19:00 no mercado Boanerges (unha das novas iconas gastronómicas da cidade) un showcooking con catro receitas elaboradas en directo con materias primas diferenciadoras de cada un dos catro concellos de Arousa Norte. Paralelamente, os clientes de La Galiciana terán dispoñible entre o 9 e o 13 de decembro o menú degustación Arousa Norte, confeccionado diariamente cos produtos estrela do Barbanza. 

A programación chegará a Pontevedra da man do Food truck de Arousa Norte Gastronómica, que se instalará o 7 de decembro na Praza de Abastos da cidade do Lérez para elaborar 4 receitas diferentes representativas da gastronomía local, funcionando de 12:00 a 15.00 e repartindo 400 tapas. 

A iniciativa “Arousa Norte Gastronómica” pecharase o 15 de decembro ás 19:30 en La Galiciana con showcooking e degustación de 4 receitas con produtos representativos do Barbanza, amenizado por The Lacazans. 

Ademais de coñecer de primeira man as xoias gastronómicas de Arousa Norte, os asistentes ás diversas actividades programadas terán a oportunidade de participar en sorteos de lotes de produtos gastronómicos da zona e bonos de aloxamento.