Pontevedra ilumina o Camiño Portugués ao seu paso polo Gorgullón

Nove mil puntos led iluminan o treito do Camiño de Santiago ao seu paso pola rúa do Gorgullón en Pontevedra. A instalación deste tipo de luminarias responde á filosofía de implementar iluminación posicional led de cor azul integrada no pavimento en todo o trazado do Camiño ao seu paso pola cidade.

En concreto, no pavimento da rúa do Gorgullón instaláronse 60 unidades de baliza led, e cada unha dispón no interior dunha placa base con 150 puntos led de cor azul de alta intensidade, que xera un corpo de luz uniforme e continuo. 

As balizas, de 3 metros de longo, van colocadas entre 2 barras de pizarra en diagonal a longo de todo o tramo. As balizas, de 2 watios, foron fabricadas en corpo de aceiro inoxidable e inclúen un difusor de metacrilato de alto impacto. 

O grao de protección de cada baliza corresponde co estándar IP-68, isto é, cunha protección completa e contínua contra as filtracións de pó e de auga. 

A reforma da rúa do Gorgullón que será financiada, en parte, cos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER), leva catro tipos de iluminación no seu trazado. Ademais das balizas integradas no pavimento, instalaronse 32 unidades de columna de 7 metros de alto cunha luminaria led de 70 watios. 

O corpo desta columna está fabricado en aceiro de carbono e protexido contra a corrosión a través da galvanización en quente, e son as mesmas que a empresa Setga colocou no porto de Rotterdam, en Amsterdam, en Harlem e nas estacións de ferrocarril de Holanda. 

Ademais, na praza que se creou fronte á estación de Vialia, instaláronse 4 unidades de columna de 4 metros de altura con luminarias led de 30 watios. Por último, na rúa do Muíño está previsto instalar balizas led de 15 watios cun corpo de altura de 2,8 metros.