A Xunta promove a elaboración dun Plan de dinamización turística dos concellos que conforman o xeoparque mundial da Unesco, Montañas do Courel. Farase mediante o convenio de colaboración asinado entre as Consellerías do Medio Rural e de Cultura e Turismo, dotado cun orzamento de case 30.000 euros.
Así o adiantaron en Quiroga o director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Miguel Pérez Dubois, e a directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, durante a presentación oficial deste plan. Ambos departamentos serán os encargados de levar a cabo esta iniciativa, que será elaborada polo Centro de Estudos e Investigacións Turísticas (Cetur) da Universidade de Santiago de Compostela.
Neste senso, o Plan pretende consolidar o xeoparque Montañas do Courel como elemento vertebrador, visibilizador e potenciador de iniciativas turísticas e de desenvolvemento local. O obxectivo final é atraer investimentos e diversificar a actividade económica en torno ao medio rural, compaxinando a oferta do patrimonio xeolóxico xunto con outros aspectos culturais.
Durante a presentación, o director xeral da Agader sinalou que esta medida permitirá promocionar e conservar o patrimonio cultural do rural, o que redundará no desenvolvemento económico da zona e favorecerá a fixación de poboación nun agro cada vez máis atractivo. “Temos que saber explotar todos os recursos que nos ofrece o rural galego para que teña futuro e podamos vivir ben nel e del”, matizou Pérez Dubois.
Pola súa parte, a directora da Axencia Turismo de Galicia puxo de manifesto a importancia dun plan como este que dá continuidade ao traballo levado a cabo nos últimos meses desde a Xunta para impulsar, promover e divulgar este destino e os seu recursos xeolóxicos e naturais. Destacou a fortaleza deste destino cun “innegable atractivo para os viaxeiros que chegan a Galicia, para os que a natureza é o primeiro motivo de elixir o noso destino”, indicou. Nava Castro salientou ademais o impulso que porá supor contar cunha ferramenta como esta para un destino como este, situado en Lugo, que está a ser a provincia galega que está a medrar de xeito máis intenso, a un ritmo do 12%.
O orzamento previsto para poñer en marcha este plan de dinamización é de 28.433 euros, dos cales 22.000 euros son achegados pola Consellería do Medio Rural e o resto pola de Cultura e Turismo.