Os viños galegos incrementan o valor das vendas no mercado español

Os viños galegos amparados con selos de calidade incrementan o valor das súas vendas no mercado español, na canle da alimentación. Esta proxección do sector vitivinícola galego foi destacada polo conselleiro do Medio Rural, José González, na presentación dun informe da Fundación Juana de Vega sobre a comercialización dos viños galegos, neste caso referido ao mercado español. 

O informe desta Fundación constata que no último ano medrou arredor do 6% o valor das vendas do viño galego no mercado español, na canle da alimentación, o que implica unha revalorización do produto que chega aos fogares. Ademais, o viño con denominación de orixe sitúa a Galicia no terceiro posto por comunidades autónomas -só superada pola Rioxa e Castela e León- en termos de valor, con respecto á cota de mercado nacional. 

Na canle de alimentación os viños galegos melloran a súa cota de mercado nacional ata un 5,4% en volume e ata o 6,6% en valor, grazas á súa mellora en participación nos hipermercados e supermercados. Na canle de hostalería tamén teñen un bo posicionamento, situándose no 8,5% en volume e no 10% en valor. A maiores, o produto galego gaña presenza en territorios importantes, como Madrid, Barcelona e a área Mediterránea. 

Para consolidar esta proxección internacional, José González adiantou que a Xunta convocará no Diario Oficial de Galicia a vindeira semana as subvencións por valor de 2,1 millóns de euros para apoiar nos próximos dous anos a promoción do produto en mercados de terceiros países, fóra da Unión Europea.