O Xeoparque de Ortegal achégase á cidadanía

O concello de Cerdido acollerá hoxe a primeira xornada informativa para dar a coñecer o proxecto do Xeoparque de Cabo Ortegal como dinamizador do turismo e do desenvolvemento sostible do territorio. 

A continuación, sucederanse sendas xornadas nos concellos de Cariño, Cedeira, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño, co apoio da Deputación da Coruña e da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol. 

Os sete concellos, que seguen a elaborar todos os aspectos necesarios da candidatura para presentar o proxecto de xeoparque do Cabo Ortegal diante da UNESCO, van levar a cabo estas xornadas como un paso adiante máis, co obxectivo de familiarizar e mostrar a todas as entidades, asociacións, empresas, colectivos e habitantes do territorio información sobre o proxecto no que se está a traballar dende vai máis de tres anos.

Para isto, durante as vindeiras semanas, cada concello acollerá unha destas sesións, nas que se pretende achegar á poboación local coñecementos sobre que é un xeoparque, cales son os beneficios da súa implementación no territorio e exporanse exemplos doutros xeoparques, xa en funcionamento, nos que se están a desenvolver actividades de éxito.

Esta acción enmárcase como unha das máis relevantes a nivel social, pois trátase de chegar directamente ao territorio co proxecto, visualizándolle á poboación local toda a estratexia de desenvolvemento que leva implícito un recoñecemento deste tipo desde a UNESCO. E é que un xeoparque ten, como premisas fundamentais, o establecemento de estratexias de crecemento sostible, a potenciación do turismo, o fomento da investigación, da conservación e da educación.