O románico da Ribeira Sacra podería converterse nun Itinerario Cultural Europeo

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, aproveitou as xornadas sobre a importancia do románica no Camiño de inverno celebradas esta fin de semana no Parador de Monforte pola Fundación Juana de Vega para anunciar que o organismo provincial impulsará a integración do patrimonio románico da Ribeira Sacra na rede de Itinerarios Culturais Europeos. 
O obxectivo sería por unha banda"recoñecer de xeito exponencial o patrimonio cultural e natural da zona" e por outra "ofrecer un valor engadido aos peregrinos do Camiño” coa pertenza a esta rede creada polo Consello de Europa para crear un vónculo entra a cidadanía e o patrimonio. 
Tomé destacou que  unha das liñas de actuación fundamentais dos Orzamentos que se están a elaborar para o ano 2020 “é precisamente a promoción dos nosos recursos patrimoniais, nomeadamente o Camiño de Santiago, pero tamén todos os atractivos naturais, históricos e culturais cos que conta a nosa provincia” e lembrou que “na Ribeira Sacra temos unha das maiores concentracións de románico de Europa, o que supón unha enorme riqueza cultural”.
Tomé recalcou así mesmo que a Deputación de Lugo traballará para que a provincia teña un papel central de cara ao Xacobeo 2021 e poida aproveitar o enorme potencial que representa o turismo vinculado ao Camiño. Tamén lembrou que o ente provincial traballa para culminar a aspiración de que a Ribeira Sacra sexa Reserva da Biosfera e Patrimonio da Humanidade.