O programa "Elixe Galicia" subvencionará o turismo interno galego

O goberno da Xunta está ultimando a posta en marcha da iniciativa Elixe Galicia, coa que busca promover o turismo interno, desestacionalizar e descentralizar a ocupación hoteleira e favorecer o mellor coñecemento da Comunidade no seu conxunto.

Trátase dun programa de estadías turísticas e de ocio, que contará cun orzamento de 1,6 M€ para financiar o 40% das estadías en provincias distintas ao lugar de orixe, do que poderán beneficiarse menores de 30 anos, familias con fillos menores e a persoas maiores de 55 anos. A Xunta aspira a beneficiar con esta iniciativa a 12.800 persoas entre 2020 e 2021.

O programa abarcará todo o ano excepto os meses de verán e a Semana Santa e contará con 4 modalidades: vacacións en zona costeiras, Rutas de patrimonio histórico e cultural, Rutas de natureza e montaña e Estadías en balnearios.

A modalidade Vacacións en zonas costeiras ofertará 6.700 prazas nos próximos dous anos, terá unha duración de 5 días e catro noites, o aloxamento será en hoteis de 3 estrelas ou superior e incluirá un mínimo de 3 visitas ou actividades de medio día.

No caso das Rutas de patrimonio histórico e cultural, con 2.500 prazas dispoñibles entre 2020 e 2021, terán unha duración de 3 días e 2 noites, o aloxamento será en hoteis de, como mínimo, 2 estrelas, contará con servizos de guía e incluirá visitas culturais con relevancia histórico-artística.

Pola súa banda, as Rutas de natureza e montaña ofertarán outras 2.500 prazas nos vindeiros dous anos e durarán 3 días e dúas noites en hoteis de 2 estrelas ou superior. Ademais de contar con servizos de guía especializado, realizaranse 2 excursións ou actividades de sendeirismo e/ou turismo activo.

Por último, no caso das Estadías en balnearios, a duración será de 5 días e 4 noites en aloxamentos de 2 estrelas ou superior a unha distancia non superior a 20 quilómetros do balneario, talaso ou establecemento de saúde e benestar. O programa incluirá, ademais dun acceso diario ao establecemento, un tratamento por persoa e estancia sen custo adicional así como prezos especiais reducidos para outros tratamentos. Tamén terá un mínimo de dúas excursións.

A saída inaugural está prevista para marzo despois de realizar a selección dos beneficiarios por sorteo con reserva de prazas para colectivos especiais como familias numerosas, persoas con discapacidade ou baixos ingresos.