O potencial dos faros como recurso turístico

O elevado potencial dos faros que actualmente non contan cun uso habitacional para albergar dotacións culturais e turísticas foi salientado polo conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, durante un encontro mantido hoxe co director de Explotación de Puertos del Estado, Leandro Melgar, e representantes das diferentes Autoridades Portuarias galegas para avanzar nesta proposta que a Xunta xa trasladou o pasado mes de outubro en Madrid ao presidente do organismo estatal. 

Durante o encontro de hoxe, na que tamén participou a directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, avanzáronse medidas para facilitar a posta a disposición á sociedade destes equipamentos de gran interese patrimonial e paisaxístico dun xeito planificado, facilitando a xestión dos trámites administrativos en espazos tan sensibles como os faros. Neste sentido, explorouse a posibilidade de implantar sistemas que faciliten as xestións para os inversores ou promotores interesados. 

O responsable de Cultura e Turismo expuxo que outorgar novos usos a estas instalacións permitirá impulsar o turismo mariñeiro xerando produtos especializados en emprazamentos costeiros da xeografía galega. Destacou ademais os faros como un “símbolo da cultura mariñeira”, polo que a planificación de novas dotacións culturais e turísticas permitirá “recuperar un importante patrimonio inmaterial” que reforzará o potencial dos territorios da costa apostando por experiencias “que vaian máis alá do turismo de sol e praia”. 

Este proxecto favorecerá, ademais, impulsar o desenvolvemento económico e a xeración de emprego nestes territorios dun xeito sustentable, sen necesidade de acometer intervencións na paisaxe da zona. 

Planificación turística a longo prazo 

O titular do departamento de Cultura e Turismo explicou que o proxecto para cada un dos equipamentos será avaliado en función das súas características, tendo en conta as necesidades do entorno local. Ademais, subliñou a experiencia da Xunta en proxectos turísticos vinculados a estas instalacións como a Ruta dos Faros ou a Senda dos Faros. 

Precisamente, lembrou que Galicia dispón dunhas condicións “idóneas” para poñer en marcha iniciativas deste tipo, ao contar con máis de 1.200 quilómetros de costa e incidiu na necesidade de poñer en marcha produtos post Xacobeo 21 que configuren unha oferta turística “ambiciosa” a medio e longo prazo.