
Disquisición previa que xorde espontaneamente ao analizar a resistencia no tempo, ao valorar a mirada con ampla perspectiva sobre o camiño andado..., superado o rubicón dos 25 anos. Vimos suliñando algunhas destas observacións desde que nos aproximamos ao cuarto de século, desde aquel verán de 1995 no que -inicialmente só unha tímida Hostalería Galega- chegaba aos subsectores intersectoriais que conflúen no noso eixe -a propia hostalería como principal demandador de bens e servizos, turismo, industria de equipamentos e produtos alimentarios, fornecedores desa demanda- como unha turista na propia terra con vocación de reafirmarse.
Así pois, a Gala que acabamos de celebrar, constituía dalgún xeito unha proba. A nosa pregunta máis íntima era, ten HGg&T tanta resposta vital e participativa nos axentes económicos e sociais, como acredita súa difusión certa na intersectorial? A esta razoable, que non temerosa, incógnita, había que anotarlle o risco derivado dese parénteses por responsabilidade cos sectores e a crise económica pasada, i era que cinco anos son moitos cando se trata da conexión entre empresas e axentes socioeconómicos, tal é o rexistro de cambio de titularidades, relevos nas responsabilidades directivas, cambios nas administracións…
Entendede xa que logo queridos amigos, abenzoados lectores, que á formalidade que nos impomos habitualmente nas portadas, engadamos esta vez unha pequena licencia entre interxeccións. Seguides aí, atentos e adeptos a ese lugar común que se chama HGg&T, dispostos a respondernos afirmativamente se desde este modesto equipo que facemos a revista vos dicimos “ven”, a gozar con nós do noso cumpleanos, entendemos que tamén do que significa HGg&T, e de que valorades o noso humilde pero profesional tabloide como punto de encontro intersectorial de referencia. Grazas por vir, grazas por estar aí ano tras ano. Que aquí seguimos, amigos, para servir.