Nairoa e Os Forasteiros abrarrotan Cata a arte

Nairoa, a adega sita no corazón de Arnoia, presentouos seus viños Alberte e Val de Nairoa no terceiro evento do ciclo “Cata a Arte” da man de Guillermo Díez, xerente da adega, acompañados da música country de Os Forasteiros. A acción tivo lugar na planta baixa do Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense, lugar onde está situada a inmensa exposición Soliloquios, de Ramón Conde. 

As máis de 250 persoas asistentes a esta sesión de música e viño puideron acompañar cunha copa de viño Alberte a música de Os Forasteiros, que ollan ao country, ao folk, ao bluegrass e ao cajún. 

Nesta sexta edición continuouse coas catas solidarias, solicitando que cada asistente colabore cun donativo dirixido integramente para Cáritas Diocesana de Ourense, que que abarca diferentes ámbitos de actuación, dende programas de acollida, vivenda, infancia, etc. ata múltiples proxectos de voluntariado ou acción e dinamización social. Todas as persoas que apoian esta iniciativa entraron nun sorteo de botellas de viño das adegas participantes e merchandising da D.O. Ribeiro. 

O ciclo celebrará a súa última sesión no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense o vindeiro xoves, 28 de novembro, coa presentación e degustación dos viños de Bodega Alanís en harmonía coa música jazz do grupo carballinés 4Mal Quartet Jazz.