Lugo prepara o seu mercado de Nadal

Lugo xa está organizando o seu tradicional mercado de Nadal, que se celebrará entre o 21 de decembro e o 5 de xaneiro e contará con 12 casetas de artesanía, seleccionadas en base a criterios como a calidade do proxecto, o proceso de elaboración, ou a utilización de novas técnicas.

Trátase dun mercado que "pola experiencia doutros anos é moi valorado polos artesáns pola afluencia de público en vendas", que se situará na praza de San Marcos. 

Haberá un total de 12 casetas de madeira, dotadas con cadro eléctrico e iluminación que poderán ser individuais ou compartidas entre dous artesáns.

As persoas interesadas terán sete días para anotarse unha vez se publique a convocatoria no Boletín Oficial da Provincia. Deberán presentar a solicitude cumprimentada así como unha copia da Carta de Artesán, do DNI ou NIF e unha memoria que reflicta o traballo do artesán. Toda a documentación requirida estará dispoñible na web da Deputación: http://www.deputacionlugo.gal/ 

Na avaliación das propostas valórase a calidade do proxecto presentado e dos procesos de elaboración, a antigüidade da Carta de Artesá, a utilización de novas técnicas e materiais ou a identificación coa zona de procedencia e elaboración do produto, entre outros criterios.