Galiña de Mos, grelos, pataca e tetilla para pechar as exaltacións gastronómicas lucenses

Dende este venres ata o vindeiro 24 de novembro desenvolveranse as últimas xornadas do programa Exaltacións Gastronómicas...E Para Comer Lugo, nas que 50 establecementos hostaleiros de 23 concellos da provincia ofrecerán pratos elaborados con Galiña de Mos, grelos e pataca de Galicia e queixo de tetilla, acompañados de pan e galletas Daveiga, viño DO Ribeira Sacra e licores.

A última fase destas exitosas xornadas foi presentada pola deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, a alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, e o presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo, Cheché Real. 

Tamén participaron o Presidente de Avimos, Francisco Monasterios Solveira, o Presidente Consello Regulador da IXP Grelos de Galicia, Andrés de la Fuente, acompañados do Presidente de AFAPAN, Cesar Fieiras Pérez, e do Director Comercial El Progreso, Jose María Álvarez Vilabrille.

García Porto aproveitou para poñer en valor as Exaltacións Gastronómicas, das que fixo un balance positivo, e apostou por seguir creando sinerxías entre a hostalería, os produtores e a Deputación para converter a tendencia á alza que está a experimentar o turismo gastronómico en actividade económica e creación de emprego sostible na provincia. Tamén lembrou neste senso que, segundo estudos recentes, a gastronomía está entre as 8 tendencias de viaxe para o 2020 e o 71% dos viaxeiros indica que comer produtos de orixe local é importante para eles nas súas vacacións.

Na aposta do Goberno Provincial pola promoción dos produtos autóctonos de calidade e en apoio aos produtores do rural lucense, como clave para o impulso da economía da provincia, a Deputación achegou 60.000 euros á Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo para impulsar accións de promoción como este programa Exaltacións Gastronómicas. Estas xornadas realizáronse todos os meses desde o pasado abril poñendo en valor a gastronomía da provincia a través da degustación de produtos acreditados cos selos de calidade, como son a Indicación Xeográfica Protexida (IXP) ou a Denominación de Orixe (DOP). Outro dos obxectivos destas xornadas foidinamizar o sector servizos e desestacionalizar o consumo dos produtos.

Nas xornadas de Exaltacións Gastronómicas de 2019 empregáronse produtos de 21 Denominación de Orixe Protexida e Indicación Xeográfica Protexida: CRDO Queixo de Arzúa-Ulloa, CRDO Cebreiro, CRDO Ribeira Sacra, CRDO San Simón da Costa,CRDO Queixo de Tetilla, IXP Faba de Lourenzá, IXP Grelos de Galicia, IXP Castaña de Galicia, IXP Lacón Galego, IXP Pemento de Mougán, IXP Pataca de Galicia, IXP Mel de Galicia, IXP Augardentes e Licores tradicionais de Galicia, IXP Ternera Gallega, ACRUGA (Ternera Gallega Suprema Carne de Rubia Gallega), ABSA (Merluza do Pincho de Burela e Bonito de Burela), AVIMOS (Raza Galiña de Mos), ASPORCEL (Raza Porco Celta), ASOVEGA –BOAGA (Raza Ovella Galega), AFAPAN (Asociación Provincial de Fabricantes de Pan de la Provincia de Lugo) e Galletas Da Veiga.