Expourense premia a calidade de Cafés Lisboa e Grupo Cuevas

Expourense celebrará este xoves 7 de novembro o Día Mundial da Calidade 2019 a través dunha Xornada de Exaltación na que se entregarán os premios "Líderes en Calidade" a empresas e institucións galegas recoñecidas por ser un modelo a seguir nos seus respectivos sectores e das que destaca o seu compromiso coa Calidade e co Medio Ambiente. 

Uns galardóns que este ano chegan á súa IX edición premiando a empresas do sector alimentario como Cafés Lisboa, vencedora na categoría de alimentación e o Grupo Cuevas, que se impuxo na categoría de internacionalización. Completan a relación de premiados o Servizo de Cardioloxía da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza (Sector Sanitario), a Fundación Paidela (Sector Educación) e o Grupo Aludec (Medioambiente). 

O obxectivo é sensibilizar tanto a empresas privadas como a entidades públicas da necesidade de incorporar aos seus modelos de xestión as directrices da calidade e do medio ambiente, co fin de prestar servizos eficientes e acadar a satisfacción do cliente. Deste xeito, poténciase a existencia de empresas e administracións competitivas nun escenario globalizado. 

A xornada, que comezará ás 10.30 h., incluirá unha presentación de cada empresa ou institución distinguida sobre a súa experiencia ao incorporar a calidade e o Medio Ambiente ao seu modelo de xestión. Con esta acción, o Padroado de Expourense pretende contribuir a poñer en valor o esforzo das organizacións que se dotan de sistemas que lles permiten competir mundialmente, independentemente da súa dimensión, e que poden servir de modelo a outras empresas.