Cita imprescindible para os aficionados ao mel en Muras

Esta fin de semana o concello lucense de Muras celebrará a V edición da súa Feira do Mel de Montaña, un enceontro gastronómico que incluirá concursos de calidade do mel, música, degustacións gratuítas, obradoiros para menores, artesanía e ata unha excursión micolóxica.

A feira tamén contará cunha xornada técnica e formativa dirixida a mellorar a profesionalización na apicultura e o control sanitario das explotacións apícolas

A V Feira do Mel de Montañas de Muras arrancará o sábado cunha saída micolóxica dirixida por un dos maiores expertos mundiais en cogomelos, Jose Manuel Castro Marcote, desde as 8:00 ata as 14:00 horas. Pola tarde celebrarase unha xornada técnica e formativa que contará cun concurso de calidade para elixir o mellor mel de Muras. A asistencia é libre e gratuíta nas probas desta cata, que se celebrará no Restaurante Picapan Casa Vituco a partir das 16:00h. A continuación, ás 18:45h, o veterinario da Asociación de Apicultores Profesionais de Asturias -ADSG PROMIEL-, Carlos Martín Barcaiztegui, ofrecerá unha charla sobre a profesionalización na apicultura e o control sanitario das explotacións apícolas. Ás 20:15h, intervirá José Manuel Castro Marcote presentando unha exposición de cogomelos. Ás 20:30h haberá degustación gratuíta de lacón e queixos, que rematará coa actuación musical do Dúo das Estrelas.

O domingo abrirán os postos de venta de mel na praza de Viveiró de Muras a partir das 10:30h. Ás 12:00h terá lugar un obradoiro para menores e unha mostra de xantares e degustación a cargo do chef Antonio Díaz. Entre as 14:00 e as 15:30h, Rocío Varela realizará unha actuación musical. Ás 16:00h terá lugar un obradoiro de cociña para nenos e nenas. A feira rematará ás 18:30h coa entrega dos premios do concurso de mel.