Catorce ilustradores debuxarán a Compostela máis contemporánea

Santiago acollerá dende o xoves ata o domingo a cuarta edición do Encontro Internacional de Cadernos de Viaxe Compostela Ilustrada, que reunirá 150 participantes para ofrecer "unha ollada diferente da cidade, unha visión particular que sen dúbida contribúe á promoción turística de Santiago, tanto pola propia dimensión internacional que teñen acadado na actualidade os chamados cadernos de viaxe, como polo propio programa do evento, o máis grande encontro deste tipo na Península".

Durante os 4 días que dura o evento, catorce ilustradores e ilustradoras recorrerán as rúas para debuxar nesta ocasión a arquitectura contemporánea da cidade, tratando de capturar sen présa a esencia dos numerosos exemplos de arquitectura contemporánea cos que conta a capital de Galicia.  Paralelamente, ofrecerase un completo programa paralelo con obradoiros, exposicións, workshops e outras actividades en varios espazos da cidade.

Entre as propostas do Encontro destacan as Xornadas de Ilustración Urbana, que se celebrarán o venres 8 e o sábado 9 no Auditorio de Galicia e das que deu conta o deputado de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto, que salientou esa "outra mirada" da cidade que nos ofrecen os debuxantes, "que convidan ao mirar coidadoso e agarimoso", lonxe das présas.

As Xornadas estarán moderadas pola nova directora de Compostela Ilustrada, Maru Godas, unha das mellores urban sketchers de España, que substitúe na dirección a Miguelanxo Prado. Con entrada de balde, contarán con conferencias de Isabel Carmona, Hugo Barros, Raúl Guridi, Aurora Villaviejas, Federico Granell e Róisín Curé. Ademais, o artista francés Laurent Corvaisier realizará en directo un mural de 2 x 2 metros.