Bioeconomía e Economía Circular no ciclo de conferencias Luis Asorey

O Deputado de Medio Ambiente, José Luis Raposo Magdalena, puxo en valor a colaboración económica da Deputación provincial para que poida celebrarse en Lugo un ano máis o ciclo de conferencias Luis Asorey, centrado nesta edición na Bioeconomía e Economía Circular, dentro do seu compromiso coa investigación e a divulgación científica, sobre todo no ámbito da sostibilidade.

Este compromiso, apuntou, atópase nesta ocasión especialmente presente nestas xornadas polos contidos que nelas se abordarán, dado que a Deputación de Lugo, en colaboración coa Universidade, ten en marcha dous proxectos financiados con fondos europeos -un deles como socio colaborador do Concello de Lugo-, estreitamente vinculados coa bioeconomía e a economía circular.

Trátase do plan Life Lugo+Biodinámico, que introduce un novo modelo produtivo baseado no uso da madeira como elemento estrutural de construción de edificios, e o proxecto de aproveitamento sostible dos montes da Serra do Xistral. Nos dous casos, o obxectivo, explicou José Luis Raposo, pasa por “impulsar o desenvolvemento urbanístico e territorial sostible, e abrir novas oportunidades económicas e de emprego, aproveitando os nosos recursos propios, a gran riqueza natural que temos na provincia”. 

O ciclo Luis Asorey desenvolverase ata o día 27 de novembro no salón de actos da Deputación. As sesións divulgativas son de acceso libre e gratuíto ata completar o aforo.

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o presidente da Real Academia Galega de Ciencias, José Manuel Lema, e a vicerreitora de Coordinación do Campus Terra, participaron no Salón de Actos do Pazo de San Marcos na inauguración.