Axudas para os establecementos turísticos de aloxamento e restauración

Xa está `publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) a nova convocatoria de axudas para financiar con 1,5 millóns de euros actuacións de mellora nos establecementos turísticos de aloxamento e, como novidade este ano, tamén nos establecementos de restauración de Galicia. Destinaranse 750.000 a establecementos de aloxamento (hoteis, pensións, cámpings, establecementos de turismo rural ou albergues, entre outros...) e outros 750.000 a establecementos de restauración.

Con este investimento a Xunta contribuirá a financiar, entre outras actuacións, accións de mellora da accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas, melloras nas instalacións co fin de obter certificacións de calidade, actuacións de renovación e modernización das instalacións ou melloras na climatización. 

Esta medida desenvolverase en réxime de concorrencia competitiva e o prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. 

Esta liña de axudas dá continuidade ao traballo que se vén facendo nos últimos anos apoiando a modernización e actualización do sector. De feito, grazas a esta liña de axudas –que ata este ano incluía só establecemetnos de aloxamento- durante 2019 a Xunta contribuíu a financiar máis de 70 actuacións de mellora en establecementos de aloxamento por importe de 1,2 millóns de euros que permitiron mobilizar máis de 4 millóns. 

Novos restaurantes excelentes 
Trátase dunha orde de subvencións á que fixo referencia a directora de Turismo, Nava Castro, durante unha visita en Vigo ao restaurante Morrofino Taberna, un dos seis locais galegos que veñen de ser recoñecidos hai uns días pola Guía Michelín cun Bib Gourmand o distintivo que valora o produto, atención e a súa calidade prezo. 

Como explicou durante a visita, Morrofino Taberna “é un exemplo dun sector que sabe actualizarse, modernizarse e adaptarse aos novos tempos e demostra tamén a boa canteira coa que contamos en Galicia no eido da enogastronomía”. Este establecemento, liderado por Víctor Fernández, é un dos tres restaurantes de Vigo que contan co Bib Gourmand e que fan que Galicia sume xa 28 restaurantes con este recoñecemento.