Arco da Vella a Adega de Eladio abriu o ciclo Cata a Arte

Arco da Vella a Adega de Eladio deu o pistoletazo de saída á sexta edición do ciclo “Cata a Arte”, que organiza a D.O. Ribeiro, coa presentación e degustación do seu viño branco Torques do Castro e os seu tinto Tarabelo, das colleitas 2014 e 2018, acompañada dun recitado de poemas á viña e ao viño. O evento tivo lugar no Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense con máis de 130 participantes. 

O recitado de poemas á viña e ao viño fíxose intercalado por parte de Armando González López (poeta médico e letrista de María do Ceo), Pepa Álvarez Gómez (poeta e declamadora de Verín) e o protagonista do evento, Benito Eladio Rodríguez Fernández (fundador da adega Arco da Vella a Adega de Eladio, poeta de Beade e membro do grupo “Por un Ribeiro poético”). Unha xornada moi entretida e que sacou sorrisos e aplausos a todos os asistentes. 

Nesta sexta edición continuouse coas catas solidarias, solicitando que cada asistente colabore cun donativo dirixido integramente para Cáritas Diocesana de Ourense, que que abarca diferentes ámbitos de actuación, dende programas de acollida, vivenda, infancia, etc. ata múltiples proxectos de voluntariado ou acción e dinamización social. Todas as persoas que apoian esta iniciativa entraron nun sorteo de botellas de viño das adegas participantes e merchandising da D.O. Ribeiro. 

O ciclo celebrarase durante os xoves no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense, dende o 7 ata o 28 de novembro con presentacións e degustacións de viños de adegas da D.O. Ribeiro e con accións culturais. 

O vindeiro 14 de novembro será o momento da realización da cata de Bodegas Loeda, que presentará o seu viño Catro Parroquias Treixadura acompañado do monólogo “Galego pode selo calquera…” de Alberte Montes. O 21 de novembro continuaremos coa cata de Nairoa que presentará os viños Alberte e Val de Nairoa, arroupados pola música country de Os Forasteiros. E para rematar esta sexta edición, o broche final poñerao o 28 de novembro a Bodega Alanís, que presentará o seu viño Gran Alanís en harmonía coa música jazz do grupo carballinés 4Mal Quartet Jazz.