Este mércores o Hostal dos Reis Católicos de Santiago presenciou o nacemento e presentación da Federación de Asociacións de Alfombristas Galegos de Arte Efémera (Fagaarte), que une seis asociacións de concellos cunha fonda tradición neste arte como son os pontevedreses Ponteareas, Moaña e Bueu e os coruñeses Ames e Rianxo.
A asociación xorde co espírito de promover a "innovación e internacionalización" desta arte centenaria que espera ser inscrito na lista representativa do Patrimonio Inmaterial da Humanidade da UNESCO.
Arrancarán cos cinco concellos citados, pero está previsto que se unan moitas outras localidades galegas no futuro, xa que o obxectivo fundamental que perseguen é unir a todas as persoas que se dedican ao arte do alfombrismo, porque segundo relatan os seus fundadores, son un colectivo un pouco disperso. A este propósito inicial súmanselles outros como facerse ver e fomentar o asociacionismo nas distintas localidades para conseguir máis axuda por parte dos concellos, e que a federación siga medrando incluso a nivel internacional.
O novo ente será presidido por Manuel Alonso, que declarou que Fagaarte nace para "pór en valor o labor calado de moita xente ao longo do tempo" e ten como fin "garantir a substitución xeracional e preservar esta cultura popular transmitindo ás novas xeracións os valores do alfombrismo".
Entre eses valores, Manuel Alonso destacou a "integración das persoas, a innovación, a internacionalización" ou a procura do "ben común" entre outros. Valores asumidos pola Federación como "punto de partida".
Ademais, o presidente manifestou que tratarán de "dar visibilidade ao traballo do alfombrismo a nivel autonómico, nacional e internacional" mediante "a celebración de encontros anuais" como o que xa se realiza desde hai catro anos en Bueu (Pontevedra).
O acto de presentación contou coa participación dos alcaldes de Ponteareas, Moaña, Bueu, Ames e Rianxo. Tamén pariticipou o deputado de Promoción Económica da deputación da Coruña, Blas García, que recordou outros concellos coruñeses con tradición alfombrista como Ares, Boiro, Ribeira ou As Pontes de García Rodríguez.