A Xunda destina 3,5 millóns de euros á promoción de produtos con selo de calidade

A Xunta de Galicia aumenta en 2020 nun 17% a partida para as achegas de información e promoción no mercado interior, ata chegar aos 3,5 millóns de euros no seu compromiso de apoio aos selos de calidade. Unhas achegas que se completan con outros 600.000 euros para os gastos de funcionamento dos consellos reguladores, que se incrementan nun 20%.

Estas cifras foron ofrecidas polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), Manuel Rodríguez, no Fórum Gastronómico de Barcelona a onde asistiu para apoiar coa súa presenza ás dez empresas coexpositoras que este ano participan da man da Consellería do Medio Rural.

Neste senso, Manuel Rodríguez sinalou que o sistema de protección da calidade alimentaria, a través das denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas, constitúe unha importante ferramenta no desenvolvemento rural e un dos piares que compoñen os orzamentos para 2020 da Consellería do Medio Rural. 

Así, o director destacou o Plan de promoción de produtos agroalimentarios de Galicia, que contará con ata 1,4 millóns de euros, e no que está contemplado a conversión do Pazo de Quián nunha finca escaparate para a promoción e imaxe dos produtos agrícolas, gandeiros e forestais. 

A Consellería do Medio Rural está presente no Fórum Gastronómico, que se celebra desde este luns 18 ata o mércores 20 en Barcelona, da man de dez empresas galegas do sector agroalimentario. Para iso, estableceu un posto de 130 metros cadrados que alberga estas dez entidades, ademais dun espazo propio para a Agacal co fin de dar a coñecer e informar sobre todos os selos galegos de calidade. 

As empresas participantes son Lagar da Cachada (Cambados), Disaligal S.L. (Tomiño), Mieles Anta (A Coruña), Lugar da Veiga S.L. (Chantada), Orballo (Paderne), Bico de Xeado (Bergondo), Petroni (Padrón), La Central Heladera (Ourense), Mareterra Deluque (Ourense) e Queixos Castelo (Pedrafita do Cebreiro).