A Deputación da Coruña xoga champions no Fòrum Gastrònomic de Barcelona

"Temos unha materia prima excepcional mais tamén a capacidade de transformala en produto gastronómico de primeira orde", dixo o vicepresidente e responsábel da área de Turismo da Deputación da Coruña na súa intervención no Fòrum Gastrònomic que se está a desenvolver en Barcelona. Regueira destaca a capacidade das empresas en ofrecer produto de calidade e a grande repercusión que está a ter a oferta da Deputación nos círculos de xornalistas e empresas do sector no Fòrum.

O vicepresidente e responsábel da área de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, participou no Fòrum Gastronòmic cunha intervención en que defendeu a "altísima calidade" do produto, das persoas profesionais da cociñe e tamén das empresas que están a traballar no sector da gastronomía. De maneira especial, Regueira fixo fincapé na repercusión que están a ter empresas e profesionais no programa que a Deputación está a desenvolver na feira de Barcelona, con importantes contactos tanto no ámbito do xornalismo especializado como nas empresas de distribución que son o principal público dun dos eventos internacionais de máis relevancia do sector..

"Contamos cunha materia prima de altísima calidade que é a base da nosa cociña e iso está á vista no Fórum pero tamén se presenta outro relato que lle dá valor engadido a esa materia que é a capacidade das pequenas industrias agro-alimentarias e do sector hostaleiro de transformar esa materia en produto de primeira calidade gastronómica", sinalou Xosé Regueira na súa intervención nunha xornada do Fórum en que, entre outras actividades, a Deputación da Coruña levou ao espazo Agora a proposta do cociñeiro Fernando Agrasar cun shoocoking cun menú composto con mexillóns en escabeche e falso capucino de sopa de peixe e apio bol.

A Deputación da Coruña está a demostrar no Fòrum Gastronòmic que se desenvolve en Barcelona do día 18 ao 20 de novembro que "as pequenas e medianas empresas saben poñer no mercado unha serie de produtos que se cualifican de gourmet e que son recoñecíbeis a nivel mundial pola súa calidade", segundo o responsábel da área de Turismo. Queixo, empanada e aceite galego son algúns dos produtos que estes días se poden degustar no stand da Deputación da Coruña.

En canto á presenza de novos cociñeiros e cociñeiras na proposta da Deputación, Xosé Regueira apunta que se conseguiu "demostrar que a nova cociña galega é quen de recoñecer a cociña tradicional e a materia prima de calidade mais tamén transformalo en produto de gastronomía de primeira orde". Ademais de Fernando Agrasar, das Garzas de Malpica e Salitre da Coruña, que participaba no ámbito oficial Agora do Fórum que mañá ocupará Beatriz Sotelo de Illas Gabeiras de Ferrol, no stand da Deputación protagonizan showcookings ao longo dos tres días de programa cociñeiros como Adrián Felipez de Miga, Diego Mato de Casa Nené (Arzúa), Daniel López do Restaurante Camiño do Inglés (Ferrol), Lolo Mosteiro da Artesa da Moza Crecha (Betanzos), Kike Piñeiro da Horta do Obradoiro (Compostela), Iván Sande e Miguel Calvero do Restaurante Vila de Muros (Muros), Montse Santos de Casa do Tella e Rosalía (Muros) ou Pepe Senande de A Muradana (Muros).