170.000 euros para a restauración da igrexa de Santa Baia de Nantes

O Goberno galego acometerá traballos de restauración por un importe de preto de 170.000 euros na igrexa de Santa Baia de Nantes, en Sansenxo. O obxectivo desta intervención é manter e conservar a arquitectura orixinal deste templo de xeito que as obras de restauración consistirán en eliminar o amianto da cuberta, substituír a tella cerámica por outra nova así como cambiar as placas translúcidas por lucernarios. Ademais, instalaranse canles de zinc na cuberta en lugar das actuais de fibrocemento, impermeabilizaranse os forxados do campanario, recuperaranse os faldróns da cuberta do proxecto de Alejandro de la Sota –arquitecto da igrexa–, incorporarase celosía de lamas nos ocos do campanario e repararase a súa estrutura de formigón. 

Así mesmo, realizarase a drenaxe e impermeabilización do chan da capela lateral e executarase unha canle de recollida de auga de chuvia na súa entrada desde o cemiterio. Estes traballos terán un prazo de execución de cinco meses. 

 O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, visitou a zona co alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, amosando a súa satisfacción pola adxudicación do contrato destas obras, que permitirán poñer en valor este singular inmoble recollido no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia. 

Cómpre destacar que a igrexa de Santa Baia de Nantes é unha obra do arquitecto Alejandro de la Sota construída no ano 1964 coa colaboración e participación directa dos veciños. Este feito confírelle unha dimensión social especial e un valor arquitectónico no que se complementan as ideas do movemento moderno do autor coas achegas populares da zona, como o emprego de perpiaños de granito nas fachadas e a tella curva na cuberta. 

O edificio, no que destaca a torre do campanario na súa esquina noroeste, foi construído sobre as ruínas dunha igrexa románica preexistente e o seu interior establece unha xerarquía encabezada polo altar e capela maior en conxunción coa nave do templo a modo de amplo auditorio bañado por luz cenital.