Volven os tentáculos lucenses

Desde mañá venres ata o vindeiro 12 de outubro volve a Lugo o San Froilán, onde a música, a verbena e o completo programa festivo harmonizan en perfecta simbiose coa gastronomía que ten nestas datas ao polbo ou pulpo, se así o prefiren, como cabeza de cartel. 

Aquí, á cidade fundada por Fabio Máximo hai máis de 2.000 anos, non se acude a pedir a mediación do santo, chégase para facerlle ben ao corpo coa preventiva e moderada inxesta do suculento cefalópodo cocido en auga, cortados os raxos en toros de certa gordura, e servidos en pratos de madeira, adubados con bo aceite de oliva virxen extra e pementón picante.

Nesta festa, e durante todo o mes de outubro, Lugo é unha pulpería xigante, pois ademais das casetas que se instalan ao fondo do Parque Rosalía de Castro, hai un caldeiro en cada esquina da cidade, e os restaurantes -hainos, moitos e bos- tamén ofrecen este prato bandeira da gastronomía galega. Aquí, nestas datas, non hai modernidade, nin falta que fai, polbo á feira tal cal. Iso si, pódese acompañar duns cacheliños e un bo pan, que non falte o viño tinto, por exemplo un Ribeira Sacra, por aquelo de facer patria, ou un branco a quen lle pete, por que non.

Outros bocados típicos en Lugo son as anguías do río Miño, fritidas, guisadas ou en empanada; a carne ao caldeiro, tenreira cocida en auga cun pouco de unto e sal, e logo adubada con pimentón e un chisco de aceite; e por que non os excelentes mariscos e peixes que chegan da cornixa cantábrica luguesa.

Ao turista chamaralle máis a atención a oferta polbeira das casetas e seguramente o viaxeiro máis relaxado se decante pola opción máis slow da mesa e mantel, con moitas opcións, pois como reza o lema “…E para comer Lugo”, aserto irrefutable; para que así sexa, e satisfacer as expectativas, recomendámoslle o Mesón de Alberto, un dos clásicos da restauración luguesa; e para o merecido descanso do “guerreiro” o Méndez Núñez, o hotel de sempre en Lugo, reformado e renovado, no 
centro da cidade…para esquecerse do coche.